Solicitarán unha reunión co Concello, Deputación e Policía Local para trasladarlles as medidas que consideran se deben tomar para evitalos.

 

 

Este 7 de xaneiro, dado os altos índices de atropelos na cidade nas últimas semanas, reuníronse na sede da Federación Limiar membros da mesma e representantes dalgunhas asociacións de veciños da cidade afectadas por este tema, e da Asociación Stop Accidentes, co obxecto de tratar de que tome conciencia do problema o Concello de Ourense, «para tentar diminuír o máis rápido posible este tipo de sinistros que desgraciadamente cada vez son máis asiduos na nosa cidade», explicaban.

Durante a xuntanza acordouse a presentación das propostas á Mesa de Mobilidade na convocatoria de febreiro por parte de Stop Accidentes para tratar de reducir os atropelos na cidade; aprobouse a solicitude dunha reunión co alcalde, o presidente da Deputación e a xefa da Policía Local de Ourense «para expoñerlle as medidas que consideramos necesarias para evitar os atropelos», puntualizaban dende a Federación; e Javier Barreal expuso o proxecto de “Pacificación do Tráfico da cidade de Ourense”, que sigue os modelos de Pontevedra, Vitoria ou Oviedo.
Así mesmo, todos os presentes mostraron a súa solidariedade a Rafael Francisco Cid Iglesias -marido de Mari Carmen López Arias muller atropelada en decembro e que se atopa en coma- e que acudiu a esta xuntanza. «El puido comprobar que non se atopa só ante un suceso evitable», lamentaban dende Limiar.

Proximamente terán lugar novas reunións, nas que estarán convacados outros colectivos veciñais ourensáns.