A mostra permite dar un paseo interactivo desde a orixe á evolución dunha das facultades máis instintivas do ser humano. Está aberta ata este xoves.

 

O vindeiro xoves 14 pechará as súas portas a exposición ‘Era unha vez… a fala!’, que desde o mes de decembro converteu o parque Barbaña nun espazo de divulgación científica no que poder ver, de modo interactivo, a orixe e evolución dunha das facultades máis instintivas do ser humano, a fala. A exposición, iniciativa da Obra Social de la Caixa e o Concello de Ourense, é un espazo para toda a familia no que amosar dunha forma científica, pero amena, cando e como apareceu a capacidade de falar, que partes do corpo a fan posible e como segue a evolucionar co paso dos anos. A entrada á exposición é de balde e pódese visitar de de 12.30 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.

Ademais desta, a cidade alberga outros espazos expositivos para a cultura, como é o caso da Sala Ángel Valente, na rúa do Paseo, e que até o 31 deste mes acolle a exposición ‘Alexandro 2015’. Trátase dun compendio de 24 obras pictóricas de grandes dimensións e dunha colección de 30 láminas tamaño A3 do artista figurativo ourensán. A entrada é gratuíta e o espazo permanece aberto de 11:30 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas; pecha o domingo á tarde e o luns.

Durante todo o mes de xaneiro se pode visitar, no Auditorio Municipal, a mostra itinerante ‘XI Bienal de pintura do Eixo Atlántico’. A exposición -única de carácter itinerante entre dous países da Unión Europea- reúne 29 traballos inéditos de artistas naturais ou residentes no Norte de Portugal e Galicia, seleccionados entre máis de 100 traballos admitidos a concurso. A XI Bienal de Pintura percorrerá, até abril de 2017, varios municipios da asociación transfronteiriza. A Bienal quere ser un espazo de promoción e intercambio de novos artistas da Eurorrexión.

Pictórica tamén é a obra de Felipe Criado, que expón ‘Último capítulo. Cadaquén que pense o que queira…’ no Museo Municipal (rúa Lepanto) até o 14 de febreiro. A súa pintura está vencellada á figura e ao universo feminino.  Pódese visitar de martes a sábado en horario de 11:00 a 13:30 horas e de 18.30h a 21.30h, e os domingos só en horario de mañá.

Aínda que xa rematou o Nadal, permanece aberto o espazo expositivo que alberga o Belén de Ourense, obra de Arturo Baltar, na Igrexa de San Cosme e San Damián. Por el pasaron preto de 12.000 persoas durante o Nadal. Para visitalo, de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas. Os festivos, só en horario de tarde.

No Centro Cultural

Fóra dos espazos expositivos do Concello de Ourense, cómpre destacar as exposicións do Centro Cultural Marcos Valcárcel: ‘Naturaleza en blanco y negro’, obra fotográfica colectiva que reflexiona sobre a Natureza, até o 14 de febreiro, e ‘Quintana Martelo’, con obras recentes do pintor e presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, até o 28 de febreiro.

‘Alicerces’, unha mostra da evolución urbana na cidade dos século XVI ao XX, pódese visitar na sala de exposicións Afundación, na Praza Maior, até o 28 de febreiro.  Por medio da documentación custodiada nos diferentes arquivos de Galicia e de pezas representativas dese momento, amósase a evolución da cidade nos últimos cinco séculos. Completa a exposición un vídeo coa evolución urbana e recreacións en 3D de edificios que forman parte do que se coñece como arquitectura de papel e doutros xa desaparecidos.

 Finalmente, o Museo Arqueolóxico presenta este mércores a ‘Peza do mes’ na sala de escultura. Trátase dun proxectil para artillaría de avancarga e poderase ver até o 31 de xaneiro, de balde.