O presidente ourensán, Manuel Baltar,  valorou “a dispoñibilidade da Xunta para abordar conxuntamente o dispositivo de emerxencias”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse en Santiago co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e cos titulares das outras deputacións galegas. Trala xuntanza valoraba positivamente “a dispoñibilidade da Xunta para abordar conxuntamente o dispositivo de emerxencias”. O presidente do goberno provincial destacou que estamos “en plena fase de constitución do Consorcio Provincial contra Incendios de Ourense”, e subliñou que neste ano “deberá entrar en funcionamento o parque do Carballiño”.

Na reunión, trataron a situación dos consorcios provinciais de bombeiros e estableceron un prazo dun mes para analizar a viabilidade dun cambio de sistema na prestación do servizo.

Manuel Baltar deixou constancia do bo funcionamento que este servizo público de emerxencias está a ter na provincia, e tanto Xunta como deputacións coincidiron en que o o actual servizo de extinción de incendios e salvamento funcionou ben e foi moi positivo, aínda que tamén consideraron que aínda se pode seguir avanzando. Así, unha vez se decida se se mantén o actual sistema ou se cambia, Xunta e gobernos provinciais abordarán novos avances no modelo para completar o mapa de emerxencias e dotar de recursos que permitan completar a cobertura en toda a Comunidade.

Na súa comparecencia, Alfonso Rueda destacou que a Xunta está disposta a estudar a posibilidade de pasar de indirecta a directa a xestión dos parques comarcais de bombeiros e recordou que esta cuestión “xa se tiña plantexado noutras ocasións con anterioridade, concluíndose entón que non era unha opción viable e que o sistema actual era o máis acaído”.

Precisamente, neste mes de prazo unha das labores que se levará a cabo dende Xunta e deputacións é recabar informes para coñecer en que situación quedarían os bombeiros no caso de que o servizo pase a xestionarse directamente polas administracións.

Actualmente, hai en Galicia 24 parques comarcais de bombeiros –aos que se sumará este ano un máis en Carballiño-,organizados en torno a consorcios provinciais, nos que participan a Xunta e as distintas deputacións.