Trataron os novos programas de axuda do Goberno Autonómico para impulsar a competitividade, os investimentos e a creación de emprego.

 

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu este xoves ao presidente da  Asociación de Empresarios do polígono do Vinteún, José Lorenzo Ribagorda, e a outros membros da xunta directiva co obxectivo de escoitar as súas propostas e trasladarlle as principais liñas de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten abertos xa neste primeiro mes de ano preto do 70% dos programas de axudas para este ano, en eidos como o fomento de emprego, os investimentos, a innovación, a internacionalización ou a eficiencia enerxética.

Na xuntanza, solicitada pola asociación, Díaz Mouteira ofreceulles colaboración da Xunta para traballar de xeito coordinado no desenvolvemento deste recinto industrial no que están emprazadas 20 empresas e avaliáronse diferentes medidas para continuar a impulsar a competitividade das pequenas e medianas empresas, e a creación de postos de traballo de calidade.

A máxima representante do Executivo galego en Ourense informou aos representantes dos empresarios do polígono do Vinteún que o Igape vén de activar programas de apoio por 22 millóns para impulsar os investimentos empresariais e proxectos da Industria 4.0.  Ademais, destacou a importancia da internacionalización para incrementar a competitividade das pemes galegas polo que subliñou que a Xunta destina 9,5 millóns ás convocatorias para respaldar as estratexias de promoción exterior impulsadas por pequenas e medianas empresas, asociacións e clústers empresariais, así como aos apoios para a contratación de xestores en internacionalización en empresas galegas.

Na reunión tamén se abordaron os programas á disposición das empresas para impulsar a innovación, entre o que se destacou o Conecta Pemes, cuxa terceira edición suma 25 millóns de euros e o prazo para solicitar esta axuda remata o vindeiro día 22 de xaneiro.

Marisol Díaz tamén informou de que Economía, Emprego e Industria ten posto en marcha, un ano máis, a liña destinada a promover o aforro e a eficiencia enerxética nos sectores industrial e de servizos. “Un programa que multiplica por seis o seu orzamento acadando os 9,5 millóns de euros e que permitirá diminuír custos e gañar competitividade no camiño cara a fábrica intelixente” destacou a delegada territorial, ao tempo que lles lembrou que as empresas interesadas en impulsar este tipo de iniciativas  poden presentar a súa solicitude ata o 29 de febreiro.