O deputado do grupo de goberno, Juan Anta, rexeita as críticas do voceiro socialista a un complexo servizo como é a xestión tributaria.

 

A área de recadación da Deputación é un servizo público cuxo obxectivo non é obter rendibilidade, “senón axudar aos concellos a desenvolver unha complexa tarefa administrativa e para a cal na maior parte dos casos non contan coa estrutura necesaria”, afirma o deputado do grupo de Goberno,  Juan Anta, en resposta as críticas da oposición socialista realizadas sobre este servizo.

Anta engade que a área de recadación está deseñada en termos de servizo público, por iso é polo que a taxa do 5 % que se cobra aos concellos adheridos estea pensada para cubrir custos, “pero nunca para obter beneficios, como así establece o artigo 24.2 da Lei de Facendas Locais”.

Dita taxa do 5 % non é elevada, defende Juan Anta, pois no caso da Deputación de Ourense, a diferenza doutras institucións provinciais, esta porcentaxe aplícase a un amplo paquete de servizos que non só inclúen a recadación, senón todos os aspectos relativos á xestión tributaria. Para todo este labor, que ademais inclúe a atención ao público e telefónica, Juan Anta asegura que un equipo próximo aos vinte traballadores non está sobredimensionado.

O popular engade que o servizo recada por riba do 90 % en período voluntario, que non recibiu queixas dos alcaldes por unha suposta falta de profesionalidade “e que se esforza día a día en dar resposta ás demandas dos alcaldes”, poñendo como exemplo o novo servizo electrónico que, a través da web, permitirá a alcaldes e veciños realizar unha serie de trámites administrativos na área de recadación.

Crítica gratuíta e demagoxia

Anta lamenta, unha vez máis, que o voceiro socialista utilice a crítica gratuita e maila demagoxia para poñer en entredito unha institución que está a colaborar sen trabas co concello do que é alcalde en minoría.

Hoxe, sinala, “acudiu á Deputación para asinar un convenio polo que se subvenciona durante dous anos a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e, de paso, xustifica a súa dedicación exclusiva na institución provincial para falar dun tema no que amosa unha enorme falta de coñecemento”.