Tala de plataneiros na Rabaza

Agás algún dos exemplares que tiña elementos con pudrición, o resto das árbores estaban sanos, sinala a asociación ecoloxista.

Amigos da Terra Galicia denuncia a corta polo pé de seis plataneiros de sombra «Platanus hybrida» de grandes dimensións nos laterais da estrada comarcal 523, que entra no tramo urbán de Ourense pola avenida de Bos Aires, á altura da Rabaza.

«Agás unha das árbores, que si tiña elementos con pudrición, os restantes exemplares estaban perfectamente sanos non supuñan nengún problema de seguridade para o trafico nin para os viandantes, carecendo a súa eliminación de todo sentido, supoñendo un gasto público e unha perda de valor natural totalmente innecesaria», salienta a asociación ecoloxista.

A Amigos da Terra parécelle paradóxico que «tan lamentable actuación» estea promovida precisamente pola Consellería de Medio Ambiente, da Xunta de Galicia, executada pola UTE Misturas – Extraco, «unha administración que na vez de velar por facilitar a cidadanía por un entorno máis natural e agradable a súa acción neste caso causa unha degradación no entorno».

«Este é un caso máis na cidade de Ourense da cruzada contra o patrimonio arbóreo sen xustificación, sen sensibilidade, que pon de manifesto a falla de criterio e de políticas ambientais que fomenten a sustentabilidade e a conservación do pouco patrimonio natural con que conta a cidade», engaden.

Dende Amigos da Terra reiteran que xa son horas de que o Concello de Ourense cree o Consello de Medio Ambiente e que se catalogue o patrimonio arbóreo con que conta a cidade. Esiximos que as administracións públicas antes de destruír as árbores que son patrimonio da cidade busquen o asesoramento necesario.