Ata o 12 de febreiro ás 14 horas permanecerá aberto o prazo de inscrición para os que desexen participar no desfile, que terá lugar o día 13 a partir das 17 horas.

 

O Concello de Celanova vén de abrir o prazo de inscrición para o seu desfile do Sábado de Piñata (13 de febreiro), no que poden participar comparsas (máis de 15 persoas), grupos (ata 15 persoas), parellas, tríos e calquera que o desexe de xeito individual.

A inscrición pode realizarse na oficina de turismo en horario de mañá (de 9 a 14 horas), no 988 43 22 01 ou en celanovacarnaval@hotmail.com ata o venres 12 de febreiro ás 14 horas.

O desfile comezará ás 17 horas (os participantes deben presentarse unha hora antes) con saída na Pedra da Moa, e percorrerá a avenida López Blanco, rúa Emilia Pardo Bazán, Praza Maior, rúa Fernández Losada, rúa Encarnación, avenida San Rosendo, rúa Celso Emilio Ferreiro, rúa Emilia Pardo Bazán e remate na Praza Maior.

Preto de 3.000 euros en premios

Os participantes optan a preto de 3.000 euros en premios.

A comparsa que logre o primeiro posto recibirá 1.000 euros, a segunda 500, a terceira 250 e a cuarta 150 euros. Así mesmo, a Comisión de Festas de Celanova, entegará tres accésits, cun valor de 150, 100 e 500 euros cada un. Os tres mellores grupos recibirán 300, 200 e 100 euros. Na modalidade de parellas e tríos, o primeiro premio será de 120 euros, o segundo de 80 e o terceiro de 50 euros. E haberá un premio de 50 euros para o mellor disfraz individual.

Será obrigatorio subir a recoller o premio disfrazado.