A localidade ten un amplo programa de festexos preparado. Entre as actividades máis agardadas atópase o desfile de comparsas do martes.

Xinzo de Limia deu a benvida o pasado sábado 16 de xaneiro ao seu Entroido, cinco semanas de troula que culminarán o 14 de febreiro coa Piñata.

Tras os seus tradicionais Domingo Fareleiro, Oleiro e Corredoiro, chega agora a fin de semana grande desta festa (do 5 ao 10 de febreiro), co Venres Infantil, Sábado de Entroido, Domingo de Entroido, Luns de Entroido, Martes de Entroido e Enterro da Sardiña.

Novidades
Tamén se introducen algunhas novidades, como a apertura do desfile infantil do Venres de Entroido a todos os centros escolares da comarca, potenciando as actividades infantís previstas para esta xornada.  O resto de xornadas manteñen un esquema similar ao doutros anos, con charangas todos os días a todas as horas, que realizarán diferentes percorridos polo centro da localidade. O portavoz da comisión anuncou que lle deron “unha volta” ao desfile do martes de entroido, día grande da festa na vila. Insistiu en que se respectou “o noso sentimento e tradición”, representados pola figura da pantalla.

No apartado de loxística que rodea a festa, hai carpas instaladas nas prazas Maior, Oriente e Xoan XXIII, instalaranse 15 baños públicos en puntos visibles da vila, reforzarase a recollida de vidro durante as festas e a Deputación facilitará un camión baldeador para manter limpa Xinzo estes días.

Como complemento, o Museo do Entroido está aberto no seu horario habitual durante os festexos.