Os socialistas reclaman que a convocatoria para un posto de auxiliar administrativo só sexa accesible no BOP e no taboleiro de anuncios do Concello.

 

O grupo municipal socialista no concello de Rairiz de Veiga, a través do seu voceiro Pablo Lorenzo, denuncia que “o escurantismo político segue sobrevoando a casa do Concello e a nova alcaldesa”.

Lonxe de levar a cabo o cambio prometido, tanto no fondo e na forma de facer política, Asunción Morgade, nova alcaldesa de Rairiz, “segue os mesmos procedementos que o anterior rexedor no que respecta ás convocatorias de postos de traballo”, denuncian.

No BOP do venres 5 de febreiro anúnciase a convocatoria dunha praza de auxiliar administrativo para o Concello, sendo este o único lugar xunto co taboleiro de anuncios do propio Concello onde os veciños poidan saber desta convocatoria.

Dende o PSOE de Rairiz reiteran a súa petición de que as bases e convocatorias de contratación sexan accesibles a todos, resaltando que as dificultades de acceso a internet na zona xunto ca falta de hábito por parte dos veciños a ler o BOP dá como consecuencia que “só saiban destas prazas as persoas que lle interesa o grupo de goberno municipal”. “Esta é outra oportunidade máis perdida por Morgade para mostrarlle os veciños que o xeito de facer política cambiou coa súa chegada a cadeira da alcaldía”, recalca Lorenzo.

Así, pídelle “ que cambie, recapacite e pense se o máis importante neste momento e a contratación de persoal cando a día de hoxe por exemplo aínda está sen configurar a Xunta de Goberno e sen facer unha auditoría para saber canto debemos realmente”, conclúe.