A Deputación achega a maquinaria e a man de obra, mentres que o Concello sufraga os custos dos materiais.

Concello, Deputación e CHMS arranxan a ribeira termal

Concello de Ourense, Deputación Provincial e Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) visitaron as obras de acondicionamento da ribeira termal logo de que a suba do nivel do río Miño anegase e obrigase a pechar a zona. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destacou a boa sintonía e “cooperación institucional coa Confederación Hidrográfica e coa Deputación para que esta zona de referencia para o lecer acade as mellores condicións posibles, tendo en conta que se trata dun dos nosos grandes atractivos turísticos de cara á campaña da Semana Santa”.

A colaboración da Confederación Hidrográfica céntrase na canle e nas marxes do río, mentres que a cooperación coa Deputación Provincial fíxase nos arranxos dos camiños de sábrego de toda a ribeira do Miño, comezando pola zona termal dado o seu interese turístico nestas datas. Na opinión de Francisco Marín, presidente da CHMS, “trabállase a petición doutras administracións para minimizar os danos dos temporais de inverno, e haberá que esperar a que baixe o caudal do río para seguir traballando no reforzo dos muros das termas do Muíño da Veiga para que non se vexan afectadas polas crecidas”.

Nestes traballos, a Deputación achega a maquinaria e a man de obra, mentres que o Concello sufraga os custos dos materiais: en total, 42.000 euros (algo máis de 6.000 euros o Concello e algo máis de 35.000 euros a Deputación). Segundo Pablo Pérez, deputado provincial, “é unha mostra máis de que a Deputación colabora con todos os Concellos sen excepción”.

Malia que o nivel do río Miño aínda continúa alto para poder acometer todas as obras necesarias, as boas condicións meteorolóxicas facilitaron o comezo dos traballos de mellora. A previsión é que todas as pozas estean dispoñibles para o baño en Semana Santa, se o tempo acompaña.

De Oira a Outariz

Os traballos de reparación esténdense por toda a marxe dereita do Miño. As primeiras actuacións conxuntas foron realizados na zona da Chavasqueira, e agora esas brigadas de Concello e Deputación xa se desprazaron até Oira. Na zona de Outariz, na que máis intensamente traballa a CHMS, realízanse traballos de limpeza e reparación de canle e de marxe, centrándose no arrastre de maleza e de árbores, “o que constitúe unha optimización dos recursos por parte das administracións públicas ao servizo dos cidadáns”, en palabras do rexedor ourensán.