No Centro Médico El Carmen está ubicada a exposición "En familia, por dereito", que busca sensibilizar á poboación sobre o acollemento familiar e o dereito dos nenos a vivir en familia.

Cruz Vermella busca familias en Ourense para o acollemento de adolescentes e grupos de irmáns

Cruz Vermella xestiona en Ourense o programa Familias Acolledoras en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia dende 1996. O acollemento é unha medida de protección á infancia que ten como finalidade que os menores sexan acollidos por persoas que lles ofrezan un fogar temporal e lles proporcionen coidados e seguridade mentres a súa familia atravesa unha situación de dificultade.

Ao longo destes anos  287 menores teñen sido acollidos na nosa provincia. Neste momento Cruz Vermella conta con 36  familias acolledoras, pero é preciso que máis familias entren a formar parte do programa para atender as necesidades de novos casos, especialmente para acollementos permanentes ou de longa duración, así como de adolescentes e grupos de irmáns.

“Coa campaña «En familia, por dereito» queremos chamar a atención sobre o dereito que teñen os nenos e nenas a vivir en familia, a ser protexidos e recibir coidados, amor, educación… Por diversas problemáticas de seus pais, moitos cativos precisan dun fogar temporal que permita a estes menores crecer e desenvolverse nun ambiente familiar normalizado que satisfaga as súas necesidades”, explica Sonia López, psicóloga do programa.

Para ampliar a rede de familias que forman parte desta importantísima medida de protección á infancia, Cruz Vermella conta neste momento coa complicidade do Centro Médico El Carmen, que acolle a exposición informativa «En familia, por dereito», tralo seu paso polo Pazo Provincial e o C.C. Marcos Valcárcel, o C.C. Ponte Vella, o C.C. Aberto Ourense Centro e establecementos de hostalería da cidade como La Central,  Café Plaza, Vivian e De María.