A Unión Deportiva Ourense encadea unha volta completa gañando.

Xa son 17 (unha volta completa) os partidos que a Unión Deportiva Ourense leva vencendo consecutivamente no grupo 9 da Segunda Autonómica. Nesta ocasión a vítima foi o Ribadavia Atlético o que caeu derrotado no Couto por 5 a 0.

Os do Ribeiro comezaron inquedando a portaría defendida por Samuel con dúas accións que a piques estiveron de inaugurar o marcador visitante. Porén foi unha acción afortunada a favor dos locais o que fixo que se puxera o un a cero no electrónico; ao saque dun córner un defensa introduciu o balón na súa propia porta. Así remataría a primeira metade, na que o lateral Julio tivo que ser substituído por unha lesión.

Tralo tempo de lecer Cristian Dacosta lograba o segundo gol antes de ser cambiado por Jorge. Foi o dianteiro que acababa de entrar no terreo de xogo o que faría o terceiro e o quinto da tarde; entre medias, Senén lograba o cuarto.

Tres para o ascenso
Con estes tres puntos a UD Ourense mantén unha racha que o leva a sumar 67 puntos en 27 xornadas. Tralos unionistas están o Santa Teresita e Atlético Arnoia con 55 puntos. 12 puntos de diferenza cando restan 21 por disputarse.

De seguir a tendencia de sumar de tres en tres, en tres xornadas cantarían o ascenso os homes de Antonio Dacosta, quen regresaba neste partido ao banco despois duns problemas de saúde. A Primeira Autonómica, cada vez mái preto.

Barra de Miño
A vindeira fin de semana non hai competición ligueira. Pero o que si haberá o xoves 24 e o partido de Copa contra o Barra de Miño na casa deste.