A Xunta destaca a formación en educación vial e a coordinación en eventos e emerxencias como claves para previr accidentes de tráfico.

Xornada de Tráfico para agrupacións de Protección Civil

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, destacou o papel clave da formación en educación vial, así como a importancia da coordinación da xestión de eventos e emerxencias para previr accidentes de tráfico.

Luis Menor inaugurou en Ourense a Xornada de Tráfico para Agrupacións de Protección Civil,  organizada polo Servizo Provincial de Emerxencias en colaboración co Servizo de Formación da Xefatura Provincial de Tráfico e na que participaron máis de 170 membros de Protección Civil e dos GES. Na apertura das xornadas, tamén participou a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Durante a súa intervención, o director xeral destacou que das case 202.000 incidencias que se rexistraron no 112 en 2015, ao redor do9% cento corresponderon a accidentes de tráfico. Isto dá unha idea da importancia que ten este tipo de emerxencias e a necesidade de previr que acontezan e poñer todas as medidas que teñamos o noso alcance para tratar de evitalas. Dentro deste conxunto de medidas preventivas atópase a educación vial.

Segundo destacou Luis Menor, a educación vial é un eido no que todas as administracións deben estar implicadas, busca a  sensibilización social, comportamentos viais que fomenten a convivencia, a tolerancia, a solidariedade, o respecto, a responsabilidade e que se favorezan as relacións humanas na vía pública.

Ademais, tamén salientou a importancia da coordinación en eventos e emerxencias relacionadas co tráfico e coa vía pública. A xestión das emerxencias require, dado o elevado número de medios, recursos e organismos involucrados, dunha elevada coordinación entre eles. Pois canto maior sexa a coordinación, maior será a eficacia na resolución da mesma. Isto implica un elevado grado de coñecemento das formas de actuación de cada organismo, así como coñecer as súas limitacións operativas e funcionais.

A Xornada está orientada á formación dos traballadores de emerxencias en educación vial, tanto para escolares como para maiores. Nese sentido, a xornada contou con tres relatorios: “Infancia, Discapacidade. Recursos didácticos e actividades”, “Os maiores como peóns e condutores. Iniciativas e recursos” e “Coordinación en eventos e emerxencias”.