O Ourense Provincia Termal (COB) visita a Peñas Huesca este venres no que será a antepenúltima xornada de Liga.

O playoff pasa por Huesca

Huesca e COB loitarán na xornada número 28 por obxectivos distintos. Os maños, co playoff asegurado buscarán quedar o máis arriba na clasficación; os ourensáns tentarán seguir soñando coa promoción de ascenso.

O Peñas Huesca ocupa a cuarta posición na clasificación da LEB Ouro e loitará nestas tres xornadas por ocupar a praza máis alta posible a final de tempada. Ata a terceira posición poden chegar (as dúas primeiras son inalcanzables), polo que os homes de Quim Costa tentarán alcanzar ese obxectivo. Ourense, Prat e Cocinas.com son os rivais nun final de campaña, a priori, factible para lograr esa terceira posición.

O COB, pola súa banda, ten na súa man entrar nos playoffs. Despois de 27 xornadas os homes de Gonzalo García de Vitoria ocupan a novena posición e dependen deles mesmos para entrar na loita por un novo ascenso.

No partido da primeira volta os oscenses venceron no Pazo por 69-75. Os homes de Costa impuxeron un forte ritmo o que fixo que os ourensáns perderan 25 balóns en todo o partido. En defensa da plantilla cobista cabe recordar que Rivero xogou moi limitado por un accidente de tráfico no que estivo implicado días anteriores e todos sabían que sería o último partido de Agbelese como xogador do Ourense Provincia Termal, con todo o condicionante emocional que elo conlevaba.

Máis de tres meses despois, os de García de Vitoria chegan cunha racha de catro vitorias consecutivas o coa intención de aproveitar a opción de poder disputar o playoff.

O técnico cobista pretende frear o xogo vertixinoso do Huesca para poder ter opcións de vitoria. Se Rowley, Salash, Kapelan,… son capaces de frear a euforia, no xogo, do equipo local terán opcións de lograr a vitoria.