Animou á comunidade educativa a participar no programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia

O presidente do Parlamento explica a web de participación cidadá aos alumnos do Otero Pedraio

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este xoves  nunha charla-coloquio con alumnado do IES Otero Pedraio de Ourense, na que os convidou a utilizar as diferentes ferramentas que a Cámara galega pon a disposición dos máis novos, desde as visitas guiadas á sede da institución ata o espazo web de participación cidadá posto en marcha o pasado luns ao abeiro da recente lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá.

Santalices alentou aos estudantes que participaron na charla a coñecer e e facer uso da ferramenta de participación cidadá, pensada para que os galegos e galegas “se impliquen activamente”, ao tempo que se amosou convencido de que “seredes vós, os mozos e mozas, os principais usuarios dela”.

Posibilidades de participación

Recordou que a web de participación cidadá do Parlamento permite participar na elaboración das leis que se atopan en tramitación na Cámara, pero tamén propoñer preguntas para que os grupos parlamentarios as trasladen á Xunta, ben en forma de pregunta oral, en Pleno ou en Comisión, ou como pregunta de resposta escrita.

Paralelamente, neste  espazo web tamén se ofrece información sobre outras formas de participación que, pola súa complexidade, se xestionan doutro xeito. É o caso das proposicións de lei de iniciativa lexislativa popular (que deben ir respaldadas por 10.000 sinaturas, cando anteriormente se precisaban 15.000, o que converte a Galicia nunha das Comunidades nas que máis doado resulta unha tramitación deste tipo); e tamén da participación popular no impulso da acción de goberno a través de proposicións non de lei (ata o de agora só as podían presentar os deputados, agora unha vez admitidas, deben estar respaldadas por 2.500 sinaturas).

Visitas guiadas

Explicou o presidente do Lexislativo galego que a comunidade educativa ten a súa disposición un programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia que inclúe todo tipo de explicacións sobre o funcionamento da Cámara, e mesmo permite que os participantes se podan acoller a un desconto se efectúan ese desprazamento en ferrocarril.

Programa de charlas divulgativas

A charla divulgativa celebrada no IES Otero Pedraio enmárcase nun ciclo organizado polo Parlamento de Galicia e a Asociación de Ex Parlamentarios/as para dar a coñecer a Cámara galega entre o estudantado de secundaria e bacharelato de Galicia.

Santalices recoñeceu que a iniciativa está a ser un éxito, pasando de 23 centros participantes no curso 2012-2013 a 50 no curso 2014-2015. No que vai do actual curso académico, son xa 58 os centros participantes.