Será este luns 4 de abril, ás 20 horas, na súa sede da capital.

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) proxecta o vindeiro luns, 4 de abril, ás 20.00 h, na súa sede de Ourense (avenida de Pontevedra, 9), o cuarto e último filme do ciclo de cine «Mulleres» na cidade, “Flor del desierto”, que ofreceu, ao longo do mes de marzo, un total de catro títulos en versión orixinal nos que as verdadeiras protagonistas son elas. A entrada é libre e gratuíta ata encher capacidade.

“Flor del desierto” narra a fascinante vida de Waris Dirie na súa viaxe de filla de nómades africanos a top model internacional e embaixadora especial das Nacións Unidas en África.

Estamos no verán

Así mesmo Afundación organiza a representación da obra “Estamos no verán” por parte da compañía Son+D2, que terá lugar tamén o luns 4 de abril no Auditorio Municipal, con funcións ás 10 e 12 horas. Máis de mil escolares procedentes de centros educativos de Ourense e arredores fixeron a súa reserva para asistir a este espectáculo.

Orientada a nenas e nenos de quinto e sexto de primaria, “Estamos non verán” é a historia duns amigos que, no verán, queren formar un grupo de música. Un espectáculo no que os asistentes cantarán, bailarán e improvisarán ao ritmo de diferentes estilos (rock, pop, jazz, blues, bossa nova…).