Trátase dun espazo para bebés de 0 a 3 anos.

Os veciños do barrio de A Ponte xa teñen á súa disposición as portas abertas da Biblioteca Municipal abertas na praza Mestre Luís Fernández en horario de 10:00 a 13:30 horas pola mañá, e de 16:30 a 20:00 horas pola tarde. Trátase dun espazo amplo dotado dunha sala de biblioteca infantil e que se converterá, ademais do seu uso como lugar de consulta para todos os públicos, nun dos puntos de animación á lectura máis importantes da cidade: a nova biblioteca posúe un espazo innovador adicado aos pequenos de 0 a 3 anos, a primeira Bebeteca do Concello de Ourense.

A promoción da lectura leva consigo a habilidade de escoitar, incrementa o número de palabras que escoita o bebé, desenvolve a atención e a memoria e axuda os bebés a obter información das ilustracións ao estimular a imaxinación e os sentidos. Neste sentido, promove a calma e a unión entre os pais e o bebé.

A Biblioteca da Ponte continuará co Programa de Animación á Lectura para nenos/as de 4 a 10 anos a través do xogo e da creatividade. Deste xeito, os cativos deberán enfrontarse a un mundo de experiencias marabillosas a través dos libros, que lle ensine a gozar, a reflexionar, a interiorizar o que len, e a lograr un achegamento afectivo e intelectual co libro.

Pero non se reducen á lectura as actividades para esta franxa de idade: haberá obradoiros de psicomotricidade para o fomento da interrelación e do traballo en equipo mediante actividades físicas coma a danza e os saltos. Así mesmo, haberá lugar para pórse na pel dos diferentes personaxes a través dos monicreques e vivir en primeira persoa as súas intrépidas aventuras. A Biblioteca organizará tamén conta-contos e lecturas en alto, algo esencial para a comprensión e fruición dos textos, así como obradoiros nos que as manualidades axuden a expresarse de mellor forma e a canalizar as lecturas.

A Biblioteca da Ponte trasladárase ao centro Cívico mentres se realizaban as obras de adaptación da praza de Abastos de A Ponte.