Un total de 65 maiores conversan sobre a emigración con mozas e mozos de centros escolares de toda Galicia.

Afundación celebra en Ourense o seu programa interxeracional «Fálame da emigración»

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) celebrou este martes no IES As Lagoas de Ourense, un encontro interxeracional entre maiores e estudantes do instituto integrado no seu programa «Fálame da emigración», no que 65 voluntarios e alumnos de centros escolares de toda Galicia dialogan sobre vivencias na emigración. A iniciativa enmárcase na liña estratéxica «O valor da experiencia», da área de Envellecemento Activo de Afundación, pola que a entidade quere poñer en valor a traxectoria vital e profesional dos maiores a través de programas interxeracionais e de voluntariado, que beneficien outros grupos da sociedade.

O IES As Lagoas de Ourense participou nesta sesión, a segunda programada con este centro, na que se involucraron estudantes de primeiro de ESO e 7 voluntarios e voluntarias: Ana Pérez Pérez, Corona Paz Díaz, Dorinda Cid Feijoo, Elvira Sabucedo Fernández, Francisco Fernández Guerra, Marco Isidro Rocha González e Pilar Tesouro González, que compartiron cos mozos as súas respectivas experiencias en Alemaña, Venezuela, Suíza e Francia.

«Fálame da emigración» comeza cunha primeira fase, que se desenvolverá ata o próximo mes de maio, en 11 centros escolares situados nas localidades onde Afundación ten un centro de maiores —as sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Viveiro, Betanzos, Pontedeume e Monforte)—, coa participación de 461 estudantes de eso. Tras esta primeira etapa, o programa estenderase a todos aqueles institutos que queiran participar no proxecto, coa incorporación de novos voluntarios e voluntarias que viviron a experiencia da emigración, dentro das propostas de programación para escolares que desenvolve cada curso Afundación.

O proxecto, enmarcado no plan estratéxico da entidade como unha das súas liñas prioritarias, ten tres obxectivos fundamentais: que as persoas maiores transmitan os seus coñecementos e experiencia, que os mozos  se beneficien do legado das persoas maiores e que a comunidade educativa incorpore novas modalidades de aprendizaxe, favorecendo en todos os casos o diálogo, a cooperación e o entendemento entre as distintas xeracións.

Co obxectivo de que o programa amplíe o seu alcance e teña un carácter colaborativo, Afundación publicou a páxina web falamedaemigracion.afundacion.org, que recolle o material didáctico do proxecto e o material documental que xurde de cada encontro (fotografías, vídeos, testemuños…). Ademais, os alumnos dos centros escolares participantes poderán compartir nesta web as historias da emigración dos seus familiares.