Cultura restaurará a Capela da Asunción da Catedral ourensá

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou a Catedral de San Martiño de Ourense, onde anunciou que xa se iniciaron os trámites administrativos referentes á restauración da Capela de Asunción deste templo, co obxectivo de que a obra se realice ao longo deste ano. Durante o seu percorrido pola catedral, o conselleiro estivo acompañado polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos; pola delegada da Xunta na provincia, Marisol Díaz;  polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez; e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua.

Román Rodríguez explicou, ademais, que esta é só unha das obras que está previsto executar na catedral da cidade das Burgas. Neste sentido, sinalou que están xa en fase de redacción os proxectos correspondentes á reforma xeral do sistema eléctrico e de restauración das reixas da Capela Maior da catedral.

O orzamento destinado a estas tres obras ascende a case 340.000 euros.

Portada Norte

Así mesmo, indicou que xa está en fase de supervisión o novo proxecto para a restauración da Portada Norte e limpeza da fachada. Cómpre lembrar que, debido á complexidade da obra, a Consellería resolveu de mutuo acordo o contrato coa empresa ao que fora adxudicada previamente.

A Consellería optou agora por un proxecto interdisciplinar de arquitectura e restauración, que foi elaborado por un equipo de restauradores e de arquitectos. En canto se remate a supervisión do proxecto iniciarase unha nova licitación de obra.

Coas previsións das obras en tramitación e a da Portada Norte, o investimento da Consellería de Cultura e Educación na Catedral de San Martiño elevaríase a máis de 1,9 millóns de euros.