Os socialistas preguntaran en novembro pola caída dun muro nesta estrada, sen que a Deputación procedera aínda ao seu arranxo.

O PSOE denuncia o estado da estrada OU-0406 en Oseira

O deputado provincial socialista, Francisco Fraga Civeira, faise eco das queixas recollidas polo grupo municipal socialista no Concello de Cea, a respecto do lamentable estado dun tramo da estrada provincial OU-0406, ao seu paso pola parroquia de Oseira. Xa no pasado mes de nvembro, os socialistas de Cea, formularon unha pregunta no pleno, na que se interpelaba sobre o estado das xestións realizadas perante a Deputación de Ourense a respecto do estado deste tramo. A raíz das choivas que se produciron neste pasado inverno, o muro que estaba nas marxes da estrada, caeu enriba de dúas fincas colindantes, afectándolle ao cruce e mais ao paso e á seguridade dos usuarios da estrada.

Tendo en conta que a estrada é de titularidade provincial, na pregunta rexistrada en acta, o grupo socialista interpelou ao alcalde para coñecer se xa se puxera en contacto coa Deputación de Ourense para que arranxasen o derrubamento do muro. Naquela ocasión, hai xa máis de catro meses, dende o goberno de Cea, respostouse que si, que xa se fixeran as xestións convintes ante o servizo de vías e obras da Deputación provincial. Porén, pasou o tempo e o  tramo segue nun estado lamentable, compromentendo a seguridade dos viandantes e dos condutores.

Así pois, o grupo municipal socialista deu traslado do asunto aos seus compañeiros do grupo provincial para que exerceran a presión necesaria para que esta situación se resolvera coa máxima premura. Por isto, o deputado provincial socialista pola comarca do Carballiño, Francisco Fraga, da traslado destas queixas á Deputación para que se axilice o arranxo desta vía provincial e se poña fin á situación de perigosidade na que se atopa.