OUeC presentou por rexistro o documento de emendas ao borrador da ordenanza de limpeza de terreos e soares e de protección contra os incendios forestais.

O grupo municipal de Ourense en Común organizou unha mesa-debate aberta á veciñanza para recoller as achegas sobre o borrador da ordenanza de limpeza de terreos e soares que o Concello quere aprobar no pleno de maio. O documento recollendo ditas achegas foi rexistrado este venres e será levado a xunta de área de medio ambiente o vindeiro martes 12 de abril.

Dos aportes recollidos na mesa-debate destaca un erro reiterado polas administracións que é o trato que se lle da, neste tipo de normativa contra os incendios, ao termo “limpeza” e ao termo “maleza”. Nun e noutro caso, o concello outorga un significado erróneo cando fala na ordenanza de “limpeza” como se fora “roza” ou “desbroce” e, “maleza” como se esta tivera connotacións negativas sendo pola contra, un aspecto positivo en canto a biodiversidade e mantemento da contorna onde se atopa.

Tamén é significativo a presunta prohibición recollida no artigo 14º en canto á plantación de especies de xénero eucalipto ou invasivas de alto risco. “Dicimos ‘presunta”’ porque se supedita, dita prohibición, a unha ‘autorización escrita e expresa do concello’ e ‘previo estudio detallado da solicitude’ polo que entendemos desaparace tal prohibición e queda na decisión do Concello a plantación de eucaliptos”.

A falta de concreción e ambigüedade dalgúns preceptos é outra das achegas que fará OUeC xunto coa proposta dunha campaña de información e concienciación. “Ás veciñas de Ourense hai que informalas das obrigas que teñen, respecto ao coidado dun solar, antes de impór unha sanción. Salientamos as palabras da Fiscal de medio ambiente de Ourense fai uns días cando dicía que o ano pasado aumentaran os lumes na interfaz urbano-forestal de Ourense e cremos que as sancións non paliarán esta problemática”.