Poderán inscribirse a partir do luns na web do Espazo Lusquiños da Mocidade.

O Concello organiza un curso para mozos para aprender a facer programas de radio e emitilos por Internet

O Concello de Ourense organiza o curso “Broadcast. Facemos radio?”, para dar a coñecer entre a mocidade ferramentas que lle permitirían montar en poucos pasos e cun custo reducido unha radio por Internet.

Con esta actividade preténdese animar á mocidade a liderar proxectos decidindo que reportaxes, entrevistas ou debates promover, facendoos así protagonistas dunha actividade colaborativa e dinamizadora nos seus centros de ensino ou asociacións.

Está dirixido a mozos en mozas de 15 a 35 anos, en xeral e ao alumnando de bacharelato, universidade e asociacións xuvenís en particular. Aprenderán a manexar programas facendo prácticas e finalmente montarase un estudio para transmitir a información e almacenala na web para a súa disponibilidade online.

O curso non erequire coñecementos previos. Contará con parte teórica e práctica. Na primeira parte incluirá: Realización, Spots, promocionais e campañas, Guión, redacción e realización de reportaxes, Entrevistas, programas de análise e debate.

A segunda parte abordará como facer unha radio dixital, streaming e broadcast, software, montaxe da gravación, colga os teus programas na rede e como conseguir audiencia.

O prazo de inscrición abrirase o luns, 11 de abril. Participarán 12 mozos e mozas de 15 a 35 anos, e realizarase na Aula de Formación do Espazo Lusquiños da Mocidade, na avenida de Marín, desde o día 22 de abril ata o 18 de xuño, os venres de 18.30 a 20.30 e  os sábados de 11.00 a 13.30. Será de balde.

Máis información e inscricións na páxina web http://espazo-lusquinhos.xuventudeourense.org