Ourense en Común comparte a “indignación” de Democracia Ourensana sobre a chegada da alta velocidade pero aínda non decidiu o seu voto.

O alcalde aínda non fixou data para o pleno extraordinario solicitado por DO

O alcalde de Ourense aínda non decidiu a data para o pleno extraordinario solicitado por Democracia Ourensana no que lle pedirán «garantías» dunha estación de alta velocidade “digna” para a cidade, cun orzamento que superaría os 100 millóns de euros, ou ben a súa dimisión. O rexedor ten 15 días hábiles para convocar a sesión.

A preguntas dos xornalistas, Jesús Vázquez indicou que o seu grupo coincide “en moitos puntos da moción” pois reclama “o que este goberno vén reclamando desde fai nove meses a Madrid”. “O noso interese é poder darlle unha resposta eficiente á esta cidade, cumprir as expectativas para os próximos lustros e décadas con respecto á chegada da alta velocidade”, recalcou.

Con todo, o político popular deixou caer que as intencións de Democracia Ourensana ao solicitar esta sesión plenaria eran outras. “Nesa moción se fala do soterramento, que eu saiba o grupo (DO) estaba cando se anulou esa opción, onde está o seu plantexamento?”, preguntouse Vázquez Abad.

Quen tamén saiu a valorar a solicitude de pleno extraordinario foi Ourense en Común. O seu voceiro, Martiño X. Vázquez dixo non compartir  “a vehemencia de Jácome pero si a súa indignación en canto á análise realizada por Jesús Vázquez sobre o desenvolvemento desta infraestrutura”.

Para Ourense en Común, as administracións deben garantir “o mínimo impacto social, ambiental e patrimonial desta infraestrutura”, que debe contemplar “unha intermodalidade real entre medios de transporte”, superar “esa fenda histórica entre os barrios do Vinteún e A Ponte”, e ampliar esa “permeabilidade” a San Francisco e Seixalbo.

Porén, a posición de voto de OUeC será decidida nunha asamblea monográfica que se celebrará este mércores no seu local ás 8 da tarde.

O Ministerio de Fomento comprometérase a presentar un proxecto de estación intermodal para Ourese a finais deste mes de abril, mentres, pola súa banda, a Xunta de Galicia licita xa o proxecto da terminal de autobuses.