O vindeiro 29 de abril será a gala final no CGAC, na que se desvelarán os gañadores que farán entrega ás súas nais das xoias deseñadas por eles.

Un grupo de 11 escolares de centros de ensino da provincia de Ourense está entre os 80 finalistas da VII edición do concurso «Deseña una xoia para a túa nai», que organiza o Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia (Coxga), e que entra na súa recta final cun récord de participación sobre as edicións anteriores, chegando aos 8.515 escolares no conxunto das catro provincias. A de maior participación ten sido A Coruña, con 3.450 escolares; seguida da provincia de Pontevedra, con 3.267; Ourense con 1.066 e Lugo con 732 escolares.

Os escolares participantes, diferenciados en categorías por idades, de 0 a 4 anos, de 5 a 7, de 8 a 10 anos e de 11 a 12 anos, dibuxaron a xoia que quererían regalar á súa nai. Entre os traballos presentados, o xurado ven de seleccionar os 80 finalistas. Por provincias, na Coruña hai 37 escolares finalistas; seguida de Pontevedra, con 26; Ourense con 11 (de centros de ensino da capital, de Pobra de Trives, O Barco, Rubiá e Celanova) e Lugo con 6 escolares.

Deste grupo de 80 finalistas sairán os 12 gañadores que teñen como premio a execución dos seus deseños a cargo de xoieiros de Galicia. Pero a sorpresa ha de agardar ata o vindeiro día 29 de abril, data na que se celebrará  a gala de entrega de premios, á que están convocados os 80 escolares finalistas e as súas familias. E será no trascurso dese acto cando se desvele a identidade da ducia de escolares premiados, que personalmente farán entrega ás súas nais das pezas creadas por eles mesmos.

Para participar no certame, os escolares deseñaron pulseiras, colgantes ou pendentes, de xeito que con esta actividade os pequenos artistas ven unha aplicación práctica da súa creatividade, a través desta iniciativa que sirve de apoio á súa formación escolar.