A agrupación tacha de “electoralista” as intencións do PP, á fronte do goberno de Pereiro, e asegura que “xoga e mercadea coas necesidades da xente”.

O pasado 3 de marzo celebrouse unha sesión plenaria con carácter extraordinario no Concello do Perereiro de Aguiar cun só punto na orde do día: a sinatura de adhesión do Concello ao Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galiza na área metropolitana de Ourense.

Dende Son do Pereiro de Aguiar consideran que este acordo, lonxe de satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza , “non é máis que unha medida de corte electoralista dun partido popular que xoga e mercadea coas expectativas e necesidades da xente”.

Segundo aseguran, evidenciouse a falta de previsión e coñecemento sobre este asunto por parte do PP de Pereiro, cando “o señor Doval, voceiro da agrupación popular e deputado provincial,non foi quén de atinar cunha soa resposta minimamente fundamentada en relación á previsión de paradas, frecuencias, liñas, calendario de implantación,vertebración interparroquial ou posibles conexións coa cidade de Ourense”, denuncian.

Neste senso, a través do grupo parlamentario Alternativa Galega de Esquerdas (ao que apoia Son do Pereiro) vén de rexistrarse a solicitude dunha pregunta oral en Comisión relativa ao coñecemento do Plan de mobilidade de Ourense, unida a outra petición de información sobre os estudos de accesibilidade e mobilidade dirixida á Mesa do Parlamento.

Dende Son do Pereiro explican que esta petición a nivel autonómico débese a que as súas demandas de información –xunto ás de Ourense en Común e Son-Anova Toén-  foron rexeitadas nos seus respectivos concellos.