Os traballos realizaranse no tramo comprendido entre a rúa da Constitución e o pontón sobre o regato de Veigadecabo.

A Xunta renovará as infraestruturas da avenida da Deputación do Barco

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá entre este ano e o próximo 280.000 euros na renovación de infraestruturas da Avenida da Deputación, no Barco de Valdeorras. Así se recolle no convenio asinado entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o rexedor da localidade, Alfredo García.

En concreto, os traballos realizaranse no tramo comprendido entre a rúa da Constitución e o pontón sobre o regato de Veigadecabo. Recentemente, efectuouse a renovación no tramo que vai desde a rúa A Veiguiña ata a rúa da Constitución, polo que quedaba pendente de renovación o treito restante.

Dado que  as infraestruturas de saneamento e abastecemento son bastante antigas, unha das principais actuacións pasará pola súa renovación. Deste xeito, substituirase o colector de saneamento existente, e efectuarase un cambio da tubaxe da rede xeral de abastecemento. Ademais, soterrarase a rede de alumeado público, que actualmente está cosida ás fachadas.

Como consecuencia da renovación das infraestruturas indicadas, será necesario a demolición do pavimento actual. Polo tanto, procederase a realizar unha mellora de todo o firme, incrementando o seu espesor e construiranse novas beirarrúas similares ás existentes na zona.

O convenio asinado inscríbese no Plan hurbe, que o Goberno galego puxo en marcha en 2010 cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas de Galicia; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial.