Verín celebra a tradicional Festa dos Maios

O vindeiro domingo día 1 de maio, como vén sendo habitual desde os anos oitenta, a praza da Alameda de Verín acollerá a tradicional Festa dos Maios.

Desde as 11:00 horas da mañá, e até o mediodía, está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos que confeccionaron a Asociación Verinense de Amigos da Música, a Asociación Cultural Monterrei Cultura e Territorio, a Asociación Veciñal O San Salvador (Mixos – Monterrei); o CPR Plurilingüe María Inmaculada, o CEIP Princesa de España e o CEIP Amaro Refojo.

Tamén ás 11 da mañá, comezará unha exhibición dos particiantes no Torneo de Petanca Maios 2016 (con 8 parellas inscritas) e as tiradas da modalidade infantil do Trofeo de Chave Ricardo Soto, para que aínda está aberto o período de inscrición de alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria do CEIP Amaro Refojo, do CPR Plurilingüe María Inmaculada e do CEIP Princesa de España.

Ás 12:00 horas da maña, a Banda do Conservatorio de Verín interpretará en concerto temas populares de música galega e temas que foron éxitos discográficos da música pop. Á mesma hora, está previsto o comezo das tiradas para adultos do Trofeo de Chave Ricardo Soto, de inscrición libre até o comezo da proba.

Ás 12:30 h sairá da Praza do Concello a Banda de Gaitas do Concello de Verín. O pasarrúas rematará na Alameda cun concerto ás 13:00 horas.

Durante a programación dos festexos e até primeira hora da tarde haberá na Alameda un posto de polbo. O pan é o viño serán gratuítos, ao estaren subvencionados, como é habitual desde os anos oitenta, polo Concello de Verín.

Desde as 11:00 horas da mañá estarán á venda as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 1 euro. O diñeiro recadado será para a obra asistencial na comarca da Cruz Vermella.

A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Gomez Pato a comezos da década dos cincuenta. “O Pato”, coa colaboración dos seus fillos, e, anos máis tarde, a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior foron os continuadores desta exaltación da primavera en esculturas efémeras e de crítica social dos acontecementos locais ou externos en verso rimado. No segundo goberno municipal democrático, no primeiro quinquenio dos oitenta, a festa viuse reforzada, con subvencións a maios e coplas feitos por asociacións, colexios e institutos; aliciente gastronómico e actividades paralelas.