Foi plantada recentemente na única porta de acceso a esta propiedade da familia de Jiménez Morán.

O voceiro do PP de Verín denuncia a colocación dunha árbore na porta da súa finca

Segundo denuncian dende o PP de Verín, o grupo de goberno na localidade, conformado por PSOE e BNG, acaba de colocar unha árbore diante da única porta de acceso a unha finca urbana, no centro da vila, que é propiedade da familia do portavoz do Partido Popular, Juan Manuel Jiménez Morán.

“Esta actuación tivo lugar tras as críticas realizadas polo portavoz do PP, na súa labor de control do grupo de goberno, nas que se criticaba o excesivo custo así como a non idoneidade da árbore e alcorque escollidos nas árbores que se están a colocar nas rúas da localidade”, reclaman.

A colocación deste árbore, na céntrica rúa Deputación de Verín, efectuouse no medio da porta de acceso a esta propiedade, o que impide o acceso a calquera tipo de vehículo á mesma. Esta actuación realizouse a pesar das queixas presentadas, por parte do portavoz do PP, ao tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo. O mesmo paralizou nun principio a colocación desta árbore, pero na semana pasada procedeuse á plantación do mesmo. “A porta deste terreo urbano, situado no centro de Verín, é a única entrada a devandita finca que, todos os anos e varias veces no mesmo, debe ser limpada para cumprir coa ordenanza de limpeza de solares xa que ten bastante vexetación”, indica o portavoz do PP en Verín, Juan Manuel Jiménez.

Parécenos un acto miserable e vingativo, xa que nesa mesma rúa e tamén na Espido, cambiouse a situación de árbores a petición de veciños, tal e como se ve nas fotografías que remitimos”, asegura Jiménez Morán. “Pero son máis graves as declaracións de Abelardo Meiriño, concelleiro de Desenvolvemento Económico, que publicou nunha rede social que ‘se ofertou cambiar a porta de sitio co custo económico elevado que suporía esta acción’, só polo capricho de non mover a árbore un metro onde non estorbaría en absoluto. Este é o control económico que ten o actual grupo de goberno que non lle importa gastar unha cantidade importante de diñeiro, que é de todos os veciños, cambiando unha porta para manter o capricho de non variar minimamente a situación dunha árbore”.