Este convenio foi aprobado en Xunta de Goberno local para axilizar o inicio das obras para a tempada estival.

O Concello asina un convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte para reformar o anexo dos Remedios por un importe de 300.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves, fóra da orde do día e polo trámite de urxencia, o «Convenio de cooperación entre a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e o Concello de Ourense para a reforma da pista anexa do Pavillón dos Remedios».

O pavillón anexo foi construído no ano 1989, e a súa pista é a que máis uso ten, xa que nela de forma habitual adestran e compiten varios equipos de diferentes modalidades (fútbol sala; baloncesto; balonmán; voleibol; ximnasia rítmica; bádminton…), moitas veces de forma simultánea, xa que se pode dividir en tres partes iguais separándose a través de cortinas.

Esta pista necesita unha remodelación integral para facilitar a mellora da calidade e seguridade de todos os deportistas que a utilizan.

O obxecto deste convenio é establecer as bases de colaboración entre Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, e Concello de Ourense, para acometer as obras de reforma da pista anexa mediante a substitución do pavimento da pista, a substitución da bancada telescópica e a instalación dun sistema xeral de acondicionamento térmico que favoreza a mellora das condicións para a práctica deportiva, sobre todo no inverno.

O importe total das actuacións ascende aos 300.000 euros, repartidos da seguinte forma: 200.000 euros a Secretaría Xeral para o Deporte e 100.000 o Concello de Ourense.

O motivo polo que se aprobou este asunto polo trámite de urxencia responde a que a intención é acometer as obras na época estival (xullo e agosto), na que os equipos están de vacacións. Realizar as obras a partir de setembro obrigaría a suspender adestramentos e partidos por falta de espazos.