Foi programador do Festival de Cine FicXixón, durante 12 anos, e do BAFICI de Bos Aires, desde 2013 ata a actualidade.

O asturiano Fran Gayo farase cargo da dirección artística do 21º OUFF

O asturiano Fran Gayo (Xixón, 1970) dirixirá o 21º Festival de Cine Internacional de Ourense, que terá lugar do 28 de outubro ao 5 de novembro. Programador en certames coma o FicXixón ou o BAFICI de Bos Aires, ao que chegou en 2010, Gayo asume o reto de contaxiarlle ao público de Ourense a súa curiosidade polas novas tendencias cinematográficas do concerto internacional, especialmente do ámbito iberoamericano, sobre o que se porá o foco na presente edición do OUFF.

As conversas entre o Concello e o programador do BAFICI, que asesorou a redacción das bases do presente ano, chegaron a bo termo e Fran Gayo vén de aceptar o reto da dirección artística convencido da paixón que existe polo cine na cidade. O novo director farase cargo, polo tanto, do deseño do festival e do rumbo da programación, mentres que a xestión económica ou a busca de patrocinios, amais doutras tarefas administrativas, seguirá facéndose desde o departamento de Cultura. O novo director viaxará en vindeiras datas desde Bos Aires a Ourense para tomar as rendas dun proceso que xa se iniciou coa apertura da inscrición de películas (até o 18 de agosto).

«Se hai un motor que me moveu de forma fundamental desde que comecei a traballar como programador en 1997”, comenta Gayo, «ese é sen dúbida a curiosidade, o afán por sorprenderme e por aprender, por atopar novas formas, novos cineastas ou directores que por un ou por outro motivo permanecían na sombra, e logo dar a coñecer os seus nomes”.

O 21OUFF, sen deixar de lado a súa vocación por amosar unha escolla das producións cinematográficas e audiovisuais máis innovadoras, pretende darlle a alternativa á importante canteira de cineastas de ambos lados do Atlántico. “Nese sentido paréceme que planear dúas competicións, unha para o cine iberoamericano e outra exclusiva para óperas primas, é un bo punto de partida para intentar contaxiarlle ao público do OUFF esa curiosidade e esa necesidade de sorprenderse”, conclúe.