Os socialistas solicitan de maneira urxente copia do convenio aprobado fóra da orde do día da Xunta de Goberno local deste xoves.

O PSOE denuncia que se aprobe o convenio para a integración do AVE sen ter proxecto da estación

O Grupo Municipal Socialista denuncia o «escurantismo» do alcalde e o seu Goberno municipal trala aprobación “pola porta de atrás”, fóra da orde do día da Xunta de Goberno local, dun convenio da relevancia que supón para a cidade como é o do desenvolvemento da integración ferroviaria do AVE e a construción da nova estación intermodal.

«Un convenio do que os grupos políticos da oposición  e a cidadanía en xeral carecen de información e que se aproba e se vai proceder a súa sinatura sen haber sequera un proxecto redactado por parte do Ministerio de Fomento, que xa anunciara que sería para maio e que agora aprazan ao mes de xullo», sinalan os socialistas nun comunicado.

O grupo municipal socialista reitera «o seu rexeitamento absoluto ante un proxecto que non cumpre as esixencias marcadas e que responde máis a fins electoralistas que ao interese do goberno autonómico de traballar en prol da nosa cidade». Ante a decisión da Xunta de Galicia e do Concello de seguir adiante no proxecto da nova terminal de autobuses, que trae consigo o traslado de ubicación da mesma adosándoa á estación Empalme, o voceiro do PSOE, José Ángel Vázquez Barquero, cualifica a proposta coma “un puzzle sen sentido no que as pezas non se inclúen nun proxecto global de integración de vías de entrada á cidade, estación de tren e bus, máis aínda cando se está pendente de coñecer o proxecto definitivo da Estación Intermodal do AVE en Ourense. Este é un anuncio electoralista cun gasto público que nunca se chegará a levar a cabo.”

Barquero insiste en que “o Goberno municipal segue sen convocar a comisión municipal de seguimento sobre a integración do AVE, acordada en Pleno, na cal debería tratarse un tema tan transcendental, ademais de informar sobre os plans que o propio Ministerio de Fomento ten para a nova estación que prometía ser o pasado mes de abril e agora xa se demora a xullo; que vai pasar co proxecto gañador do concurso para a construción da nova estación intermodal, e tamén da situación actual do proxecto dentro do marco do novo PXOM”.