A Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Ourense organiza un programa de actividades con motivo da celebración do Día Mundial Sen Tabaco o 31 de maio, co obxectivo de sensibilizar á poboación fronte ao tabaquismo, principal factor de risco en moitas enfermidades crónicas e claramente evitable.

Sanidade en Ourense, ademais de remitir circulares para a difusión desta mensaxe a concellos, centros sanitarios e docentes, vai desenvolver este martes, no salón de actos da xefatura territorial, unha actividade de cine-fórum da película “Gracias por fumar” cos alumnos de ESO do PCI José García García e do CPR A Purísima. Analizaranse as distintas estratexias que emprega a industria tabaqueira para neutralizar os esforzos que dende a Administración sanitaria e doutras institucións se están a levar a cabo para atallar esta epidemia. Esta actividade tamén acollerá o acto de entrega do  premio do concurso provincial de fotografías “Adolescentes e adiccións. Estratexias de prevención”.

Tamén se instalará unha mesa informativa no centro comercial Ponte Vella, de 10 a 12 horas, onde persoal técnico na prevención de conductas aditivas realizarán cooximetrías e trasladarán aos cidadáns información que avala que o tabaquismo é un dos principais problemas de saúde no mundo e unha das principais causas de perda de anos potenciais de vida, ademais de ser a principal causa de morte e de enfermidade evitable.

Na provincia de Ourense, dentro das actividades específicas de prevención do tabaquismo no ámbito escolar,  convocouse a XVI edición do concurso “Clase sen fume”  na que participaron máis de 600 alumnos de 11 centros. Tamén celebrouse a actividade “Adolescentes e adiccións. Estratexias de prevención”, que contou coa participación de máis de preto de 1.900 alumnos da ESO pertencentes a 18 centros educativos.

Ademais, durante o pasado ano, dende a xefatura territorial realizáronse 858 inspeccións a establecementos para vixiar o cumprimento da normativa vixente nesta materia e tramitáronse 28 denuncias realizadas por outras administracións.

Descenso no consumo

Segundo a última enquisa ESTUDES no curso 2014-2015 confírmase o descenso continuado no consumo nos adolescentes entre 14 e 18 anos, pasando do 21 por cento de fumadores diarios, rexistrado en 2004,  ao 8,9 por cento en 2015. Esta diminución non se rexistra nos maiores de 18 anos, nos que o consumo diario de tabaco segue estabilizado en valores próximos ao 30 por cento.

Este ano o lema elixido pola OMS é “Prepárate para o empaquetado neutro” que ten como finalidade darlle visibilidade a unha medida máis no enfoque integral e multisectorial do control do tabaco. O empaquetado neutro ten que acadar: a redución do atractivo dos produtos de tabaco, a restrición do uso de embalaxes como soportes de publicidade, a limitación do empaquetado e etiquetado enganoso e o aumento da eficacia das advertencias sanitarias.