O Servizo de Cirurxía do CHUO organiza a II Xornada de Cirurxía da Hernia Inguinal a que acoden cirurxáns de toda Galicia.

Cirurxáns e especialistas en formación de toda Galicia reuníronse este xoves no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para asistir a “II Xornada de Cirurxía da Hernia Inguinal en Directo”, que lles permitíu presenciar, en tempo real e interactuar cos cirurxáns en quirófano, as últimas técnicas cirúrxicas aplicadas a esta patoloxía por vía laparoscópica, abordaxe no que Ourense é referencia a nivel galego, sendo os hospitais de Ourense e Valdeorras os centros decanos na aplicación destas.

A Hernia Inguinal é unha das hernias mais comúns, e dos procedementos cirúrxicos mais habituais nos Servizos de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, debido a súa alta prevalencia, especialmente en homes. A hernia inguinal consiste na protusión ou abultamento localizado na rexión inguinal, debido ao debilitamento ou ruptura da parede abdominal, que provoca o desprazamento dun órgano ou tecido fora da cavidade ou estrutura que o contén. En Ourense, realízanse anualmente ao redor de 400 intervencións. O 50% desde o CHUO.

Avance
Seu tratamento é sempre cirúrxico, e salvo complicacións (estrangulamento ou incarceración) que indiquen súa intervención urxente, esta realizase sempre de xeito programado. O avance das técnicas cirúrxicas rexistradas nos últimos anos, fan posible que as operacións sexan cada día menos agresivas, grazas ao emprego de próteses ou mallas que reforzan a parede abdominal, sen afectar ao plano muscular, posibilitando que podan ser realizadas nun corto espazo de tempo e sen necesidade de ingreso previo ou posterior. De feito, no CHUO entre o 60 e 70% dos casos son operados na unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria e os pacientes poden irse a súa casa ese mesmo día.

Ademais, Ourense conta cunha ampla traxectoria e experiencia na intervención de hernias inguinais por vía laparoscópica, técnica que o Servizo de Cirurxía do CHUO ven aplicando de xeito habitual desde 1998, e na que acumula unha ampla experiencia, con mais de 1.000 casos atendidos.
Vantaxes de aplicación da técnica
As vantaxes das intervencións por vía laparoscópica, ou minimamente invasivas, son que reducen as complicacións da cirurxía tradicional e doutra banda, ao evitar a apertura do abdome, acurtan notablemente o tempo de recuperación do paciente, e o o risco de complicacións postoperatorias, así como a dor postcirúrxica, xa que tan só e preciso realizar tres pequenas incisións.