Ourense foi o primeiro concello de Galicia en solicitar a súa adhesión a este convenio, froito da colaboración entre o IGVS e a FEGAMP.

Concello e Xunta destinarán vivendas baleiras a alugueiro social

O Concello de Ourense e a Consellería de Vivenda asinaron este luns un convenio para mobilizar vivendas baleiras e adicalas a alugueiro social. Previamente, o texto fora aprobado en Xunta de Goberno extraordinaria. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salientou a importancia deste convenio polo seu fondo compoñente social e de axuda aos colectivos máis vulnerables. A conselleira de Vivenda, Ethel Vázquez, sinalou que Ourense foi o primeiro municipio da comunidade en solicitar a adhesión a este programa de vivendas sociais.

O acordo é froito da colaboración entre o IGVS e a FEGAMP no ámbito do Plan Galego de Rehabilitación, Aluguer e Mellora do Acceso á Vivenda 2015-2020. Mobilizará inmobles desocupados coa fin de destinalos a atender as necesidade sociais en materia residencial.

Estas vivendas adxudicaranse a persoas vulnerables de xeito compatible con outras axudas públicas. Será por un máximo de 36 meses, tal e como explicou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez. Serán destinatarios destes pisos persoas afectadas por procedementos de execución hipotecaria ou por un procedemento xudicial de desafiuzamento por impago, familias con fillos menores, familias numerosas e monoparentais con fillos, ou mulleres vítimas de violencia de xénero.

As vivendas incorporadas ao programa serán adxudicadas aos demandantes que cumpran os requisitos establecidos no convenio. Será o Concello de Ourense quen establecerá o procedemento de selección de arrendatarios e de adxudicación respectando, en todo caso, os requisitos e prioridades sinalados no convenio coa Fegamp. Serán fogares desocupados, sen limitacións para ser arrendados, con condicións mínimas de habitabilidade, dadas de alta nos subministros básicos como a auga, o gas ou a electricidade, e con instalación de auga quente, con cociña equipada e electrodomésticos básicos.

Requisitos

Para poder acceder a estas vivendas é requisito ter uns ingresos anuais entre 1 e 2,5 veces o IPREM. Excepcionalmente, poderá exceptuarse do cumprimento de acreditar o límite mínimo de ingresos cando se trate de colectivos prioritarios para os que este prevista a adxudicación directa. En todo caso, deberase acreditar no expediente de adxudicación a percepción duns ingresos económicos mínimos ou de axudas, públicas ou privadas, que lles permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de arrendamento. A modo orientativo, a renda que debe aboar o inquilino  non debe ser superior ao  30% dos seus ingresos. Os destinatarios non deben ter ningunha vivenda en propidade, deben atoparse nunha situación persoal ou familiar que supoña unha dificultade para acceder  a unha vivenda de alugueiro no mesmo municipio, non ter parentesco coas persoas arrendadoras, e deberá quedar acreditado o grado de integración social.

Tramitación, prezo e garantías

O Concello de Ourense establecerá o procedemento de selección de inquilinos e adxudicación de vivendas baixo criterios de publicidade, concorrencia, transparencia e obxectividade. Tamén valorará a máxima adecuación das vivendas ás preferencias, características e composición da unidade familiar, así como a adeecuación da renda do aluguer co nivel de ingresos.

O convenio fixa un prezo máximo da renda do alugueiro determinado polas características da propia vivenda e das circunstancias particulares de cada beneficiario. Cómpre que o alugueiro resulte atractivo tanto para o arrendador como para o arrendado, para que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira ao programa e que o beneficiario pague por un alugueiro accesible, compatible con outras axudas da Xunta como por exemplo, o Bono de Alugueiro Social.

Ethel Vázquez salientou que as vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se van financiar unha serie de garantías: un seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda que inclúe asistencia e defensa xurídica coa fin de tranquilizar e ofrecer maior seguridade os arrendatarios.

Ata o momento xa son 19 os municipios os que solicitaron formalmente a adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras e uns 26 concellos solicitaron información previa á súa solicitude de adhesión ao convenio.