A deputada socialista Noela Blanco advirte que a descoordinación entre Xunta e Concello impide aprobar esta declaración internacional

A deputada socialista Noela Blanco esixiu este xoves ao Goberno galego que acelere os trámites para declarar “canto antes” ao Entroido de Xinzo de Limia como Festa de Interese Turístico Internacional. A parlamentaria ourensá presentou unha pregunta oral sobre este asunto en Comisión Parlamentaria.

Dixo que os problemas provocados pola descoordinación entre o Concello e a Administración Autonómica están a retrasar a declaración definitiva e están a prexudicar gravemente os intereses de toda a provincia. Sinalou a importancia do Entroido de Xinzo que para os ourensáns, que “non é só unha festa calquera, senón un sentimento”.

Noela Blanco sinala que “a documentación presentada na Xunta de Galicia polo Concello non cumpre os requisitos esixidos, e advertiu que o organismo autonómico tivo que requirir nova documentación ata en dúas ocasións”.

Lembrou que o Pleno municipal solicitou xa o 20 de xuño de 2013 o inicio dos trámites para que este Entroido fose declarado de interese turístico internacional, declaración coa que xa contan outras festas semellantes en España: o de Cádiz e o de Santa Cruz de Tenerife. Esta petición foi obviada polo goberno galego, que tamén incumpre a iniciativa socialista no mesmo sentido aprobada en febreiro de 2015.

A deputada socialista sinalou que “esta declaración de carácter honorífico daría un pulo a unha das festas máis antigas e simbólicas de Galicia a vez que supoñería un revulsivo socioeconómico para toda a provincia”.