A concelleira de Cultura presentou as actividades infantís do programa de festexos.

Este ano non haberá barracas nas Festas de Ourense

A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, avanzou este mércores máis detalles da programación preparada para as Festas de Ourense, que se celebran do sábado 25 de xuño ao 3 de xullo.

Dunha banda, informou que tras diversas reunións mantidas cos feirantes, finalmente acordouse que este ano non se instalarán atraccións durante as festas por problemas de datas. “Esta decisión tomárona ao non considerar acaídas as datas das festas, xa que, entre outras cousas, coinciden cos festexos de San Xoán na zona de Vigo”, explicou Belén Iglesias.

O Concello respecta esta decisión, e mostra a súa vontade para que nas festas do vindeiro ano 2017 as barracas poidan volver a estar en Ourense. En aras de acadar este obxectivo, a Concellería de Cultura e os empresarios das atraccións, xa acordaron unha vindeira reunión en setembro, con vistas a planificar o calendario do ano vindeiro. Os feirantes propoñen que os festexos volvan coincidir co Corpus.

Reforzo da programación infantil

Doutra banda, o Goberno municipal reforza as actividades que resultan máis atractivas para o público infantil e para as familias, e as amplía a un segmento de idade sobre o que se vén apostando todo este curso, os bebés.

En concreto, os días 26 e 27 de xuño e 2 e 3 de xullo proponse “O río da vida”, con teatro, obradoiros, cine mudo con pianista, concertos durante toda a xornada nos Xardíns do Padre Feijoo.

Do martes 28 ao venres 1 de xullo haberá teatro de rúa en horario de mañá e tarde na Alameda do Bispo Cesáreo. No mesmo lugar, tamén en horario matutino e vespertino pero do mércores 29 ao venres 1, chega unha das novidades do programa: unha instalación para bebés, baseada no circo e as abellas, deseñada para cativos  de 0 a 4 anos.

Ademais, o sábado 2 e o domingo 3, no bulevar termal das Burgas están previstos obradoiros infantís ás 12:30 horas, coincidindo coa sesión vermú.

O programa péchase o 3 de xullo con dous concertos, o de A Gramola Gominola ás 20 horas na praza de San Martiño, grupo rock para os máis pequenos, e a continuación, The Furious Monkey House, dirixido a rapaces de entre 9 e 12 anos, na praza Maior.

Todas as actividades son gratuítas.