A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, informou das axudas destinadas a sete centros comerciais abertos, unha asociación de praceiros e unha federación da provincia.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, informou que ao abeiro do programa de apoios ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos (CCAs) e prazas de abastos, e do destinado ás asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal ou federacións que vén de resolver a Consellería de Economía, Emprego e Industria, este ano resultaron beneficiados na provincia ourensá 7 CCAs, unha asociación  de praceiros e unha federación cunha achega de máis de 280.000 euros., que desenvolverán 75 accións de dinamización.

Díaz Mouteira explicou que estas axudas permitirán realizar diferentes campañas de incentivación das vendas, incorporar sistemas de fidelización ou realizar melloras na sinalización comercial externa.

Na provincia de Ourense obtiveron subvencións para desenvolver accións de impulso ao comercio de proximidade os centros comerciais abertos de Verín, Ribadavia, Carballiño, O Barco de Valdeorras e tres existentes na capital (Ourense Centro, Ourense Norte e Couto Centro), ademais da Praza de Abastos nº1 da cidade das Burgas. Por outra banda, a Federación de Comercio de Ourense recibiu unha axuda de preto de 50.000 euros para a revitalización do comercio de proximidade e incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial.

Asociacionismo comercial

A delegada territorial deu conta destas axudas, coas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a competitividade do sector comercial, durante a visita que realizou ao Centro Comercial Aberto Ourense Centro que obtivo unha achega de 40.000 euros.

 

Marisol Díaz mantivo unha xuntanza con membros da súa directiva e puxo de relevo o traballo que desenvolve esta asociación comercial desde a súa constitución, a prol da dinamización dos comercios do centro da cidade coa posta en marcha de distintas iniciativas para impulsar o comercio de proximidade ao longo de todo o ano. Os responsables deste colectivo, que conta con 195 asociados, traballan pola revitalización integral do comercio do centro de Ourense e a transformación dun espazo comercial moderno, atractivo e competitivo.