Actuacións nas prazas de San Martiño e do Ferro completan o programa das festas

Cada día falta menos para as festas de Ourense” e, desde hoxe, “xa contamos co programa definitivamente pechado”, anunciou este luns a concelleira de Cultura, Belén Iglesias. Desta forma, presentáronse as novidades da programación das festas, que transcorrerán entre o 25 de xuño e o 3 de xullo.

Entre os anuncios, as actuacións nas prazas de San Martiño e do Ferro, ás 20:30 e 21:00 horas respectivamente, e a feira gastronómica organizada pola Unión de Hostaleiros, que este ano se celebra na Alameda do Bispo Cesáreo.

Xunto aos xa anunciados concertos da praza Maior e do Posío, tocarán nestas prazas máis pequenas a Capela Madrigalista, o dúo Aída&Cris, Gold&Colt blues, o flamenco de Daniel Casares, o pop rock de JUan José Ramos, o funk de Transilvanians, dous grupos tributo a David Bowie e a Coldplay, A Banda da Factoría da Subsistencia, un grupo gospel e V-Go! Negro Son, e Blues do País e o Sindicato da Verbena.

Aforo limitado na praza Maior

Unha das novidades deste ano é o plan de seguridade para a Praza Maior, elaborado por Policía Local e Bombeiros,  que establecerá un aforo máximo de 2.500 persoas durante os concertos e fixará tres entradas a praza: pola rúa das Tendas, por Bispo Carrascosa e por Lamas Carvajal. “En calquera caso”, explicou María Díaz, técnica de Cultura,»haberá sinalización sobre o terreo e traballadores da Concellería para axudar a que todo o mundo se organice mellor”. As rúas Barreira e Arcediagos quedarán como vías de evacuación no caso dunha emerxencia.

Amáis, este ano a feira histórica circunscríbese ás prazas do casco vello, incluíndo a r/Barreira, Bailén, praza de San Marcial, da Imprenta, Manuel Sueiro, Saco e Arce, Ferreiría e a da Trinidade.

Entradas á venda

A venda de entradas por Internet (en Ataquilla.com a 5 euros) para os concertos de Duncan Dhu (30 de xuño) e Auryn (1 de xullo) avanza a contagotas; se para a boy band vendéranse a semana pasada xa 800 tickets, para o grupo de Mikel Erentxun despacháranse só cen.  Na propia taquilla do Xardín do Posío venderanse desde dúas horas antes do concerto, a un prezo de 7 euros.

Desde este martes, o Concello de Ourense comezará a repartir os 35.000 exemplares do programa de man das Festas de Ourense. O programa está encabezado polo cartel de Moncho Barazeiro, quen tamén asistíu á presentación deste luns.