Os premios «Comercio con talento» distinguen un establecemento de Parada de Sil

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou ao establecemento de Parada de Sil Ollada Sacra un dos premios do certame «Comercio con talento», unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.

Na segunda edición desta iniciativa participaron alumnos e alumnas dos 26 centros galegos que imparten os ciclos de grao medio de Actividades comerciais e de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais.

Os estudantes participantes elaboraron un proxecto sobre un comercio que, ao seu xuízo, destaca pola súa innovación e calidade. Un xurado especializado escolleu aos 9 comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de 4 proxectos que se publicaron no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos 10 premios fose decidido polo número de gústame recibidos. Os alumnos autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad mini.

Na provincia de Ourense resultou galardoado Ollada Sacra, proposto por Ana Cabido, alumna do grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais do CIFP Portovello de Ourense. Situado en pleno corazón da Ribeira Sacra ourensá, esta tenda delicatessen aposta polo produto típico galego de alta calidade e por unha mestura entre a cociña tradicional e moderna. Aberta hai apenas uns meses, Ollada Sacra estase convertendo nun dos puntos de referencia da zona, en especial entre os e visitantes que cada ano visitan este enclave.