O PP recupera o terceiro escano en Ourense

As eleccións xerais deste domingo 26 de xuño depararon cambios en Ourense, con respecto aos resultados do pasado decembro. O Partido Popular recuperou o terceiro deputado que perdera o 20D, e así, xunto a Miguel Ángel Viso e Celso Delgado, entra de novo no Congreso Ana Belén Vázquez, a costa de David Bruzos de En Marea. O PSOE mantén o escano de Rocío de Frutos.

No que se refire a porcentaxe de voto, co 10% escrutado, o PP subiu case cinco puntos (ata o 49,63%), o PSOE subiu dúas décimas (ata o 23,38%) e En Marea caeu dous puntos (ata o 15,65%). Ciudadanos foi cuarta forza máis votada (co 7,06% dos votos), e BNG, a quinta (co 2,21%).

No conxunto de Galicia, o PP sobe dous escanos (queda con 12), o PSOE mantén os seis que tiña e En Marea perde un (o de Ourense, quedando con cinco). E en toda España, os populares foron de novo os claros vencedores, cun total de 137 escanos (14 máis que o 20D), o PSOE mantívose como segunda forza política (perdendo cinco deputados, ata os 85), a suma de Unidos Podemos consegue os mesmos 71 deputados que en decembro por separado Podemos, Izquierda Unida e as distintas confluencias, e Ciudadanos baixa de 40 a 32 escanos.

En canto ao Senado, repiten os mesmos senadores que fai seis meses: os populares Miri Barreira, Carmen Leyte e Francisco José Fernández e o socialista Luis García Mañá.

O PP de Ourense convocou unha rolda de prensa para este luns á mañá para valorar os resultados.