A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública e do proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas.

A Xunta dá un paso máis na tramitación deste proxecto, o que permitirá avanzar  na redacción do proxecto construtivo, xa contratada.

Cómpre lembrar que en novembro de 2015 someteuse a información pública o proxecto de trazado e de xeito paralelo, a finais de ano licitouse a redacción do proxecto construtivo, cuxo contrato está xa asinado, e que deberá recoller as achegas que se incorporen da información pública.

O Goberno galego conta coa correspondente partida orzamentaria en 2016 para esta infraestrutura, ao tempo que se reservan os fondos necesarios para executala nos orzamentos futuros. Ademais os esforzos do Executivo autonómico lograron a disposición de 15 millóns de euros de fondos FEDER, do período operativo 2014-2020, para garantir a execución desta conexión.

Primeiramente, traballouse para acadar a alternativa máis viable e máis axeitada, un trazado que compaxinase a menor afección posible aos terreos, edificacións e infraestruturas xa existentes cos requirimentos técnicos que ten unha vía destas características. Así, deseñouse unha nova conexión que comeza no enlace de Gargantós da A-52, onde se conecta a propia autovía co viario local e a autovía AG-31 (Ourense-Celanova); e que discorre ata a N-525, ao sur do acceso ao polígono industrial.

A vía, que contará con 4,5 quilómetros de lonxitude e percorre os termos municipais de San Cibrao das Viñas e de Taboadela, reduce o percorrido de conexión coa autovía en aproximadamente nun 66%, ao pasar de 11 a 4,5 quilómetros; e, paralelamente adicionalmente, mellora a conectividade  coa autovía de Celanova.

Pulo á industria

O polígono de San Cibrao das Viñas conta con 5 millóns de metros cadrados de superficie; con máis de 300 empresas instaladas; e dá emprego a preto de 8.000 persoas. Coas actuacións proxectadas preténdese impulsar unha conexión estratéxica que atenderá a demanda empresarial e cidadá, favorecerá a mobilidade e os desprazamentos nesta área industrial e ofrecerá novas facilidades para que as industriais alí asentadas poidan medrar