Este venres 1 de xullo ás 19:30 horas.

José Rodríguez Cruz presenta “Contos e lendas arraianas” na Biblioteca de Verín

O vindeiro venres, 1 de xullo, ás 19:30 horas, a Biblioteca do Concello de Verín acollerá a presentación da obra “Contos e Lendas Arraianas”, a cargo do escritor, etnógrafo e colaborador da Biblioteca Municipal D. José Rodríguez Cruz .

Os contos e lendas tradicionais constitúen un dos tesouros máis interesantes do patrimonio cultural popular. Transmitidos de boca en boca ao longo das xeracións, en moitos casos ao longo dos séculos, son manifestacións artísticas da fantasía colectiva e conteñen un reflicto dos medos, as esperanzas, o humor ou os soños dun pobo.Coa desaparición da sociedade campesiña tradicional e os seus modos de vida pérdese tamén a requintada arte do conto que se transmite de palabra, pois desaparecen os escenarios onde se producía a súa transmisión activa.Nesta obra, José Rodríguez Cruz recolle materiais narrativos diversos (contos, relatos e lendas) da tradición oral popular no territorio suroriental galego, nos concellos da Gudiña, A Mezquita e os seus arredores, na raia galego-trasmontana e na veciñanza das terras de Viana do Bolo. Organizada temáticamente, esta colección de narracións, froito dun demorado traballo de campo, salva do esquecemento os vestixios da antiga tradición dos contos populares, parte inseparable da identidade cultural galega.