O deseño do arquitecto e ilustrador Jorge Campos foi o elixido.

Barbadás elixe o mural para o seu Museo da Gaita

O tribunal do concurso para a realización do mural do Museo da Gaita de Fole de Barbadás otorgou o primeiro premio a Jorge Campos, pola súa obra “Arte da festa, festa da arte”.

O premio está dotado con 2.000 euros e plasmarase no muro interior do patio do museo, ubicado na parroquia de Barbadás, e que está en fase de realización de obras interiores e no desenvolvemento do proxecto de musealización.

Ao concurso presentáronse 12 propostas de diferentes autores, da que saíu o proxecto gañador.

O tribunal, formado por profesores da Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense, xunto con representantes do Concello de Barbadás, valorou a orixinalidade da obra, a súa adaptación ao contexto do museo e a expresividade e dinamismo das figuras que convidan á celebración da festa.

Xosé Manoel Fírvida, concelleiro de Turismo de Barbadás agradeceu o traballo desenvolvido polo xurado e manifestou a súa ilusión porque o Museo da Gaita de Fole de Barbadás sexa realidade o antes posible para servir de motor turístico do concello.

Jorge Campos (Ourense, 1982) é licenciado en Arquitectura pola Universidade da Coruña e técnico superior en Ilustración pola Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense. Colabora de forma habitual en prensa, en fanzines e con varios estudios de arquitectura, todo iso compaxinado co desenvolvemento de proxectos propios e encargos persoais.