90 rapaces de idades comprendidas entre 8 e 15 anos participarán, durante todo o mes de xullo, en diferentes obradoiros que fomenten a creatividade e o traballo en equipo.

La Molinera acolle o I Campamento Tecnolóxico ICC KIDS

La Molinera celebrará, até o vindeiro 29 de xullo, a primeira edición do Campamento Tecnolóxico ICC Kids para rapaces de entre 8 e 15 anos. Esta iniciativa, que xorde da colaboración entre o Concello e a Deputación de Ourense, quere aprenderlle aos nenos a crear robots, deseñar e imprimir en 3D, desenvolver os seus propios videoxogos, stop motion, mapear sobre un obxecto, crear samplers musicais mediante pintura condutora e mesturas musicais. Cun máximo de 90 prazas (aumentouse nun 30% debido a grande demanda), realizarase a través de diversos obradoiros repartidos nas dúas quincenas de xullo.

O Campamento Tecnolóxico ICC Kids é un proxecto educativo que pretende espertar o interese dos máis novos pola ciencia e pola tecnoloxía co propósito de mellorar as súas habilidades nestas dúas áreas de industrias culturais e creativas. Desta forma búscase, igualmente, aumentar as súas posibilidades de éxito académico e profesional e, ao tempo, promociona valores emprendedores e outros non menos valiosos coma o traballo en equipo, a innovación e a creatividade.

Pero a metodoloxía está orientada a fomentar non só a creatividade, tamén a superación dos problemas apoiándose no equipo de traballo. De feito, o programa fundaméntase na aprendizaxe e na superación dos retos diarios. A finalidade, pois é que o alumno obteña un coñecemento teórico como práctico para que, ademais de se entreter, consiga unha aprendizaxe proveitosa para o futuro.

Para axeitarse ás franxas de idade, cada quincena do mes de xullo dividiuse en tres niveis: básico, para nenos de 8 e 9 anos; intermedio, de 10 a 11; e avanzado, de entre 12 e 15 anos. Todos os rapaces traballarán de luns a venres de 9:45 a 14:00 horas.