O departamento autonómico investirá uns 175.000 euros nesta actuación.

Medioambiente colaborará co Concello de Arnoia para rematar a rede de abastecemento no Val de San Vicente

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá uns 175.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEDAR), no remate da rede de abastecemento no Val de San Vicente, no concello de Arnoia.

A titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, asinou un convenio neste sentido co alcalde da localidade, Rodrigo Aparicio. O obxectivo desta actuación é completar a rede existente. Para conseguilo, actuarase en dúas zonas dentro do núcleo de Val de San Vicente e conectarase esta nova instalación á rede preexistente.

Segundo destacou Mato, este tipo de colaboracións garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva Marco da Auga; axúdase ás entidades locais a mellorar a rede de abastecemento secundaria; e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.