Os socialistas atopan "incomprensible" que, a estas alturas do verán, o servizo público das piscinas siga sen ofrecerse aos veciños ,

Os socialistas de Cea reclaman a apertura «inmediata» das piscinas municipais

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Cea, vén de solicitar que se proceda á apertura inmediata das piscinas públicas de titularidade municipal, sitas no Lodairo. Tal como reza o anuncio do servizo na páxina web do Concello, as piscinas deberían estar abertas na primeira semana de xullo, pero as evidencias falan de que non parece posible que se dea esta apertura. «A entrada das piscinas aparece, como ben se pode comprobar, chea de maleza aínda sen limpar e, o grupo de goberno municipal, aínda non procedeu a publicar as bases de contratación do posto de socorrista, sen o cal, as piscinas non poden funcionar», sinalan nun comunicado. Por estas mesmas alturas do ano, no 2015, as bases estaban publicadas, concretamente, a 30 de xuño.

O voceiro socialista Guillermo F. Dopazo non entende como «a estas alturas do verán, cos días tan calorosos que levamos pasado, os veciños e veciñas de Cea non poden desfrutar aínda das súas piscinas municipais. Non entendemos, tampouco, cales son as razóns deste atraso, máis que evidente, na súa apertura, por iso, procedemos a solicitarlle ao alcalde, por escrito, que nos achegue a maior información posible sobre a cuestión. O noso grupo, recibiu numerosas queixas e preguntas dos-as veciños-as e queremos trasladarlle os motivos que da o Concello para non proceder á súa limpeza e apertura inmediata. Do mesmo xeito, apremámolos para que saquen pronto as bases de contratación do posto de socorrista, para ter todo en regra e abrir un servizo que é público”.