Acusan ao goberno de falta de planificación nos traballos de limpeza das estradas do concello e dos perímetros de seguridade dos pobos.

Os socialistas preguntan polo traballo do tractor desbrozador do Irixo

O portavoz socialista no Irixo, Iago Fariñas Valiña, vén de rexistrar varias preguntas dirixidas ao Goberno do Irixo, no que alerta que o estado dalgunhas estradas e pobos do concello «é inadmisible».

Preguntan os socialistas polos horarios de traballo do tractor desbrozador, dado que ante a necesidade de apurar e intensificar o traballo de limpeza de estradas e pobos, «é sorprendente que ás 12.30 da maña xa estea dito vehículo aparcado na praza do Concello».

«É de sobras coñecido por todos os veciños e veciñas deste Concello, a necesidade de limpeza e roza das estradas e camiños do Irixo, que están na súa maioría impracticables, ademais da inseguridade que supón para a circulación rodada por falta de visibilidade ademais do risco de incendio», sinalan desde este grupo político.

Preguntan tamén ao Concello se ten previsto reforzar o servizo e cal é o criterio para a limpeza dos lugares ou cando está previsto que os tractores da mancomunidade axuden a limpar.

O Grupo Municipal Socialista no Concello do Irixo, lembra que, cunha planificación axeitada e reforzando o servizo de limpeza cos tractores da mancomunidade, moitas estradas e pobos non estarían nestas datas no estado que aínda seguen.