As fins de semana do 30 e 31 de xullo e 20 e 21 de agosto habilitarase un carril en cada sentido da circulación.

A ponte do Milenio, pechada por obras de conservación

A ponte do Milenio permanecerá pechada do 27 de xullo desde as 08:00 horas da mañá até o 31 de agosto polas obras de mellora que está a efectuar a Xunta de Galicia a través da Axencia
Galega de Infraestruturas. Durante este tempo, nin tráfico de vehículos nin peóns poderán acceder á ponte agás as fins de semana do 30 e 31 de xullo e 20 e 21 de agosto, nas que permanecerá aberto un carril en cada sentido. Porén, o 21 de agosto haberá un corte puntual para permitir o paso de La Vuelta e de toda a súa caravana.

Como alternativa ao peche da ponte do Milenio, a Policía Local recomenda o uso das outras dúas pontes (a Nova e a do Ribeiriño) para comunicarse normalmente entre o barrio da Ponte e o resto da cidade e viceversa.

Logo de 15 anos, a infraestrutura precisa dunha serie de actuacións para unha mellor conservación. As obras consisten no selado de fendas, limpeza de corrosión e protección anticorrosiva dos elementos de aceiro do viaduto, así coma o revestimento dos pilonos cunha pintura acrílica que impida a penetración de auga. Ademais, executarase a impermeabilización completa da cara superior para eliminar humidades e filtracións no seu interior.

Así mesmo, retirarase a vexetación e liques e canalizarase a auga cara aos sistemas de drenaxe próximos. Tamén se eliminarán as pintadas, aplicando un verniz nas zonas accesibles. Ademais, repararase o sistema de iluminación arranxando e repoñendo todas aquelas luminarias deficientes e farase unha revisión completa do sistema eléctrico.

As obras de mellora comezaron o pasado luns 11 de xuño, e contan cun orzamento de execución de 548.628 euros, por conta da  Xunta de Galicia, e un prazo duns seis meses aproximadamente.

A ponte, logo das obras de mellora, será entregada definitivamente ao Concello de Ourense.