A conselleira do Medio Rural visitou a base de Vilamaior, en Verín, que pertence ao distrito con maior incidencia de lumes forestais.

A base de Valdeorras terá helicóptero propio dende agosto

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, realizou este mércores unha visita á base de Vilamaior, no concello de Verín, durante a cal anunciou que a base de Valdeorras, que actualmente se utilizaba como base alternativa pasará a ser titular a partir do 1 de agosto. Isto significa que contará cun helicóptero propio grazas á incorporación de catro aeronaves que fará a Xunta nese mes co obxectivo de reforzar o operativo de incendios no momento no que se prevé serán máis necesarias.

A estas alturas de verán, o persoal da campaña de extinción de incendios contratado directamente pola Xunta de Galicia «está totalmente operativo», indicou ademais Ángeles Vázquez.  En canto aos dispositivos que achegan os concellos, os convenios «están todos asinados». A conselleira precisou que se lle dá «estabilidade» asinando por tres anos.

A titular de Medio Rural coñeceu de primeira man ao persoal adscrito a esta base aos que agradeceu o seu labor na loita contra o lume, especialmente nos meses de alto risco. “O labor que desenvolven todos os traballadores do operativo é vital, non só á hora de sufocar os lumes, senón na vixilancia e disuasión”, sinalou, e apelou tamén á colaboración da cidadanía á hora de comunicar tanto os lumes, como a presenza de posibles incendiarios a través do número de teléfono gratuíto 085.  «levamos unha quincena de temperaturas elevadas e vento soprando forte, e polo tanto unha chamada á prudencia e a denunciar todo aquelo que por parte da cidadanía se poida ver que non é normal», explicaba Ángeles Vázquez.

No seu encontro cos brigadistas, estes transmitíronlle as súas queixas por seren contratados unicamente tres meses ao ano. A conselleira comprometeuse a estudar as súas demandas.

Incendio de Vilaza

Tras esta visita, Ángeles Vázquez desprazouse tamén ao concello de Monterrei para ver os terreos afectados polo lume da parroquia de Vilaza, que está controlado dende o domingo ás 22.06 horas. Segundo as estimacións provisionais que manexa a Consellería, o incendio afectou a unha superficie de 170,32 hectáreas, das que 12 son de arborado e o resto de monte raso. Na súa extinción levan traballado 1 técnico, 32 axentes, 47 brigadas, 27 motobombas, 7 pas, 8 helicópteros e 6 avións.

A conselleira falou cos veciños afectados por este lume e solidarizouse con eles. “Hai que lembrar que os incendios non só representan un atentado contra o medio ambiente e contra o noso patrimonio, senón que poñen en perigo os bens dos veciños en incluso as súas vidas e a do persoal que traballa na extinción”, declarou a conselleira, que tivo unhas palabras de agradecemento para o brigadista que permanece ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, con motivo das queimaduras do incendio rexistrado en Ribas de Sil.

O de Verín é un distrito forestal grande, de 170.000 hectáreas, das cales máis de 54.000 hectáreas están xestionados pola Xunta de Galicia, e moi castigado ano tras anos polos incendios.