Son realizados pola adxudicataria e contan cun prazo de execución de 6 meses.

Co anuncio realizado este mesmo mércores por parte da Xunta ratifícase o compromiso firme coa estación intermodal de Ourense. “Non se trata de debuxar proxectos nun powerpoint, se trata de asinar compromisos por escrito e executalos, que é o máis importante. Os proxectos máis importantes para a cidade están en marcha”, sinala o alcalde, Jesús Vázquez.

Tal e como informou a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a empresa PROYFE, S.L., adxudicataria do contrato de redacción do proxecto construtivo da nova estación de autobuses de Ourense, integrada na terminal de ferrocarril e polo tanto, intermodal, comeza os estudos xeotécnicos  sobre o terreo para avanzar no seu cometido. Supón un investimento de máis de 103.500 euros e conta cun prazo de execución de 6 meses, incluindo os traballos de levantamento topográfico; xeotecnia; e as redaccións dos proxectos básico e de execución.

Estas tarefas que se inician complementan aos traballos topográficos que se executaron no mes de maio.

Cómpre lembrar que no pasado mes de xuño, Xunta, Fomento e Concello de Ourense asinaban o convenio que garante a execución da estación intermodal desta cidade. Esta firma ratifica e pon sobre o papel a responsabilidade asumida por cada administración para levar a cabo as actuacións para que Ourense conte cunha intermodal de futuro e adaptada ás necesidades de transporte dos seus veciños. “Sen dúbida, estamos ante un paso fundamental e sen volta atrás no camiño cara a estación intermodal que Ourense merece”, sinalou o alcalde, Jesús Vázquez.